

Un día, tigre pequeno díxolle a oso pequeno:
–Estou de aniversario e imos celebrar unha festa.
–Oh, unha festa! –exclamou oso pequeno–. Faime moita ilusión.
Sacou a cana de pescar do río, quitou a miñoca do anzol e perdooulle a vida. A ra Greta croou:
–Que dixestes? Unha festa? Apúntome!
E gardou o pato-tigre na súa caixa. Oso pequeno remou ata a beira do río. Alí tamén estaba a pata-música, lavando o seu acordeón.
–Onde ides, rapaces? –preguntoulles a pata.
–Imos facer unha gran festa na casa do tigre. Di que está de aniversario –croou a ra Greta, e puxéronse en camiño.


–Non hai festa sen música! –exclamou a pata.
Escorreu o acordeón e botou a correr tras deles.
Ao chegaren á casa, tigre pequeno díxolles:
–Podedes pasar a noite aquí, ata que comece a festa.
Oso pequeno preparou unha cea ben saborosa: patacas á manteiga, ensalada de cebolo e, de sobremesa, xelatina de batido de framboesa para uns e mosquitos asados con po de azucre para a outra.
A outra era a ra Greta.

Ah, só con oír falar dese manxar, xa se nos fai auga na boca!
