1 Vive nun apartamento dun só cuarto preto da estación de ferrocarril de Mowbray, polo que paga once guineas ao mes. No último día laborable de cada mes colle o tren á cidade e vai ata Loop Street, onde a inmobiliaria A. & B. Levy ten a súa placa de bronce e a súa minúscula oficina. Entrégalle o sobre coa renda ao señor B. Levy, o máis novo dos irmáns Levy. O señor Levy baleira o diñeiro no escritorio abarrotado e cóntao. Rosmando e suando, estende un recibo. –Voilà mozo! –di, e pásallo facendo un floreo. Esfórzase en non se atrasar coa renda porque colleu o piso dando información falsa. Cando asinou o contrato e lles entregou a fianza aos irmáns Levy non deu como ocupación a de “estudante”, senón a de “axudante de biblioteca”, e puxo como enderezo de traballo o da biblioteca universitaria. Non é mentira, ou non de todo. De luns a venres ocúpase de vixiar a sala de lectura pola noite. É un horario que a maioría dos bibliotecarios, mulleres na súa maioría, prefire evitar, porque pola noite o campus, situado na faldra do monte, está deserto e solitario. Ata el sente baixar un arrepío polas costas cando abre a porta traseira que dá ao escuro corredor onde están as chaves da luz. Calquera malfeitor se podería agochar facilmente entre os andeis de libros cando sae o persoal ás cinco da tarde, saquear as oficinas e agardar a que se faga de noite para tenderlle unha emboscada ao axudante nocturno, a el, e quitarlle as chaves. 9