1
Jinn e Phyllis estaban pasando unhas vacacións marabillosas no espazo, o máis lonxe posible dos astros habitados. Naquel tempo, eran habituais as viaxes interplanetarias, e as expedicións intersiderais non resultaban excepcionais. Os foguetes levaban turistas até as prodixiosas paisaxes de Sirio ou financeiros ás famosas bolsas de Arturo e de Aldebarán. Non obstante, Jinn e Phyllis, unha parella de ricos ociosos, destacaban no cosmos pola súa orixinalidade e por algún que outro xermolo poético. Percorrían o Universo por pracer, a vela. O seu navío era unha especie de esfera cuxa envoltura, a vela, milagrosamente fina e lixeira, se desprazaba no espazo, impulsada pola presión das radiacións luminosas. Un aparello así, abandonado á súa sorte na veciñanza dunha estrela (a unha certa distancia, así e todo, para que o campo de gravitación non sexa demasiado intenso), sempre avanzará en liña recta na dirección que esta ten asignada. Con todo, como o sistema estelar de Jinn e de Phyllis abranguía tres soles que estaban relativamente pouco afastados entre
7
eles, a súa embarcación recibía refachos de luz de tres eixes diferentes. Entón, Jinn argallara un procedemento moi enxeñoso para se orientar. Por dentro, a vela estaba revestida por un conxunto de persianas negras que podía enrolar ou desenrolar ao seu antollo, o cal facía que cambiase a resultante das presións luminosas, ao modificar o poder reflector de determinadas partes. Ademais, aquela envoltura elástica podía dilatarse ou contraerse ao gusto do navegante. Dese xeito, cando Jinn quería acelerar, aumentaba o seu diámetro ao máximo. Así, esta recibía o sopro das radiacións sobre unha superficie enorme, e a nave precipitábase polo espazo a unha velocidade abraiante que lle provocaba vertixe á súa compañeira, Phyllis, unha vertixe que a el tamén o impresionaba e que os facía abrazarse con paixón, coa ollada perdida ao lonxe, en dirección aos abismos misteriosos cara a onde os arrastraba o seu periplo. Cando, pola contra, querían ir máis amodo, Jinn premía un botón. Daquela, a vela encollíase até se converter nunha esfera co sitio xusto para aloxalos a eles dous, ben apertados un contra a outra. A acción da luz tornaba insignificante, e aquela minúscula bóla, reducida á súa simple inercia, semellaba inmóbil, coma se estivese pendurada dun fío invisible no baleiro. Os dous mozos pasaban horas folgadas e embriagadoras naquel universo en miniatura, construído á súa medida e só para eles, que Jinn comparaba cun veleiro avariado, e Phyllis, coa burbulla de aire das arañas acuáticas.
8
Jinn coñecía outros trucos que os cosmonautas que viaxaban a vela consideraban recursos dunha destreza senlleira, coma, por exemplo, o de utilizar a sombra dos planetas e dalgúns satélites para virar. El transmitíalle os seus coñecementos a Phyllis, que xa case o alcanzaba en habelencia e que moitas veces o superaba en temeridade. Cando collía o temón, poñíase a dar bordadas que os arrastraban aos confíns do seu sistema estelar, sen lle dar importancia á tormenta magnética que comezaba a axitar as ondas luminosas e a sacudirlles o bote coma se fose unha casca de noz. En dúas ou tres ocasións, Jinn, despois de acordar sobresaltado por mor da tempestade, tivera que poñerse serio para quitarlle o mando e, co obxectivo de aportaren o máis axiña posible, poñer en marcha o foguete auxiliar de emerxencia que se comprometeran a empregar unicamente en situacións de perigo. Aquel día, Jinn e Phyllis estaban deitados un ao lado da outra, no centro do seu globo, sen máis preocupacións ca a de gozar das súas vacacións deixándose torrar polos raios dos seus tres soles. Jinn, cos ollos pechados, non matinaba noutra cousa que non fose o seu amor por Phyllis. Ela, tombada á súa beira, observaba a inmensidade do mundo e deixábase hipnotizar, coma tantas outras veces, pola sensación cósmica do nada. De súpeto, saíu da súa fantasía, pregou o cello e incorporouse. Un resplandor insólito atravesara aquel nada. Esperou
9
uns segundos e viu un novo fulgor, coma se un raio se reflectise nun obxecto brillante. Non podía fallarlle o sentido do cosmos, que adquirira durante aqueles percorridos. Ademais, Jinn, alertado, deulle a razón, e era inconcibible que el se trabucase naquilo: no espazo había un corpo aboiando que escintilaba co reflexo da luz, a unha distancia que aínda non podían precisar. Jinn colleu os prismáticos e dirixiunos cara ao obxecto misterioso, en tanto que Phyllis se apoiaba no seu ombro. –É unha cousa pequena –sinalou–. Parece de vidro... Déixame ver ben. Vén cara a aquí. Avanza máis rápido ca nós. Penso que... O seu rostro tornou serio. Deixou caer os prismáticos, dos cales se apoderou ela coma un lóstrego. –É unha botella, rula. –Unha botella! Ela púxose a esculcar a través dos prismáticos. –Si, unha botella. Distíngoa ben. É de vidro transparente. Está pechada; véxolle o lacre. Ten un obxecto branco dentro... Papel, un manuscrito, seguro. Jinn, temos que collela! Precisamente iso era o que pensaba Jinn, que xa se puxera a manobrar con tino para se situar na traxectoria daquel insólito corpo. Axiña o conseguiu e reduciu a velocidade da esfera para deixar que o obxecto os alcanzase. Entrementres, Phyllis vestiu o escafandro e saíu da vela polo zapón dobre. Xa fóra, agarrándose cunha man a unha corda e levantando
10
coa outra un trueiro cun mango longo, dispúxose a pescar a botella. Non era a primeira vez que se cruzaban con corpos estraños, e o trueiro tíñalles sido de utilidade. Navegando paseniño, ás veces inmóbiles de todo, atopáranse con sorpresas e fixeran descubrimentos que estaban fóra do alcance de quen viaxaba nos foguetes. Phyllis xa recollera coa súa rede cascallos de planetas pulverizados, fragmentos de meteoritos procedentes do fondo do Universo e anacos de satélites lanzados ao comezo da conquista do espazo. Estaba moi orgullosa da súa colección, pero aquela era a primeira vez que encontraban unha botella, unha botella que, ademais, contiña un manuscrito (diso estaba segura). Todo o seu corpo se estremecía por mor da impaciencia, ao tempo que xesticulaba coma unha araña no extremo dun fío e lle berraba ao seu compañeiro polo teléfono: –Máis amodo, Jinn... Non, un chisco máis rápido. Vainos adiantar. A babor... A estribor... Déixate ir... Collina! Soltou un berro triunfal e regresou a bordo coa súa presa. Era unha botella grande, cuxo colo fora lacrado con moito coidado. No seu interior distinguíase un rolo de papeis. –Rómpea, Jinn, bule! –voceou Phyllis, que patexaba con nerviosismo. Jinn estaba máis calmado e facía saltar anacos de cera de maneira metódica. Non obstante, cando deu aberto a botella, reparou en que os papeis estaban atascados e non saían. Entón, resignouse a ceder ás súplicas da súa compañeira
11
e partiu o vidro dunha martelada. Os papeis desenroláronse de seu. Tratábase dun gran número de follas moi finas, cheas dunha escritura delicada. O texto estaba escrito na lingua da Terra, que Jinn coñecía á perfección, posto que dedicara unha parte dos seus estudos ao dito planeta. Malia que sentía unha certa reticencia que non lle deixaba comezar a ler un documento que chegara ás súas mans dun xeito tan estraño, a exaltación de Phyllis fixo que se decidise. A ela custáballe entender o idioma da Terra e precisaba da súa axuda. –Jinn, por favor! Daquela, el reduciu o volume da esfera para que quedase aboiando con suavidade no espazo, asegurouse de que non houbese ningún obstáculo diante deles e, a seguir, deitouse ao carón da súa amiga e empezou a ler o manuscrito.
12
2
Confíolle o presente manuscrito ao espazo, non co obxectivo de obter socorro, senón para axudar, se acaso, a evitar a espantosa catástrofe que ameaza a raza humana. Que Deus se apiade de nós! –A raza «humana»? –salientou Phyllis, abraiada. –Iso pon –confirmou Jinn–. Pero non me interrompas nada máis empezar –protestou, e retomou a lectura. Eu, Ulysse Mérou, volvín marchar coa miña familia na nave cósmica. Podemos sobrevivir durante anos. Cultivamos verduras e froitas a bordo, e criamos animais de curral: non nos falta de nada. Quizais algún día atopemos un planeta hospitalario. É un desexo que apenas me atrevo a expresar. Sexa como for, nestas follas deixo a fiel narración da miña aventura. No ano 2500, embarquei con dous compañeiros na nave cósmica, coa intención de chegarmos á rexión do espazo soberanamente presidida pola estrela superxigante Betelgeuse.
13