PREMIO
LAZARILLO de creación literaria
2006
CONTOS
DE
AUGA
Sen medo Achegouse aos xuncos con lentitude de hexágonos. Desde alí chegaba a ver a derradeira liña de ondas. Mirou cara á súa esquerda, mirou cara á súa dereita. Por uns segundos arroibou de verde, pero decidiu baixar a cremalleira da coiraza. A tartaruga atravesou correndo a praia nudista. Algúns mesmo a escoitaron berrar de liberdade. Antes de se mergullar na auga xa se bañara de sol.
O que agocha a túa bañeira O ruído hipnótico da auga aberta sobre a superficie da bañeira esperta os animais dos canos. Mentres ti te bañas, asómase a aleta da quenlla que traza xiros vertixinosos no desaugadoiro, a balea bufando nubes de burbullas esbrancuxadas, a raia que sobrevoa os teus pés e che deixa un ronsel de cóxegas, o oso polar que che sopra frío no pescozo e descobre onde che proe nas costas. Mentres ti te bañas, esperta o mar. O parrulo de plástico sábeo e, ás veces, anda desacougado.
No espello Cando ía moito frío e Juan Luna se erguía descalzo pola mañá e se achegaba ao cuarto de baño e bocexaba deixando ver todos os dentes e logo abría a billa e se anicaba sobre o lavabo e mollaba a cara coa auga xeada… o oso polar, que o observaba con atención desde o outro lado do espello, imitaba todos os seus acenos.
Galos de cores Juan Luna adoitaba cantar na ducha polas mañás. Ás veces desafinaba moito e o baño enchíaselle de galos de cores.
11
Contos como pulgas deben lerse nun lugar e nun tempo á parte, sen reloxos, nin timbres, nin horarios, nin pantallas controladoras, nin actividades didácticas, nin cualificacións, nin deberes.
Estes contos deben oírse en penumbra e cos ollos cerrados. Pois un bo conto, estes contos, son como «O vello bufo», en cuxos ollos caben todas as estrelas. E cada estrela agocha os soños de milleiros de nenos. Por iso, o vello bufo coñece todos os segredos, pero non di nin chío. Benito Estrella